
Tanxarina
A
Compañía



A compañía TANXARINA TITERES foi fundada no ano 1.983, por varios ex-alumnos de Harry Tozer, profesor de construción e manipulación de marionetas de fíos do Institut del Teatre de Barcelona, e tamén outros profesionais galegos do teatro infantil e xuvenil . Dende entón converteuse nunha das formacións mais recoñecidas e prestixiosas do teatro de títeres galego tanto dentro como fora de Galicia.
Dedícase prioritariamente á produción e distribución de espectáculos dirixidos a todo tipo de públicos: infantil, xuvenil e familiar; onde se combinan diversas técnicas de animación de monecos có traballo actoral dos propios manipuladores.
Marionetas de fíos, títeres de luva, de variñas, sombras chinas , bunrakus e outros gañan así en forza expresiva e comicidade. Esa relación escénica entre títeres e actores vén sendo unha das señas de identidade da compañía dende os seus primeiros espectáculos.
TANXARINA TÍTERES ten presentado os seus traballos nos máis importantes Festivais de teatro de títeres: Segovia, Valencia, Barcelona, Madrid, Murcia, Bilbao, Alicante, Sevilla… Moitas son as cidades visitadas polos seus monecos que tamén pasearon por Portugal, Grecia, Austria, Bélgica, Francia, Italia, El Salvador, Costa Rica, Nicaragua, Venezuela, Cuba, Colombia, Arxentina, Brasil , México……
No ano 2.000 os actores-manipuladores da Compañía comezan unha intensa actividade paralela dentro do teatro de actor, sendo frecuentemente convidados para participar tanto en montaxes teatrais (Teatro do Morcego, Produccións Tetatrais do Sur, Centro Dramático Galego..) como en diversas produccións audiovisuais: cine, series televisivas, curtametraxes, publicidade, dobraxe e outros.
A Compañía desenvolve tamén unha constante actividade docente mantendo unha variada proposta de Cursos de construción e manipulación de títeres, marionetas máscaras e cabezudos para educadores, escolares e profesionais da animación socio-cultural.
Asimesmo, tamén dende o ano 2.000 ,TANXARINA TÍTERES foi responsáble da Dirección artística e técnica do FESTIVAL INTERNACIONAL DE TÍTERES DE REDONDELA. Dende a doce edición é colaboradora habitual do festival, unha manifestación titiriteira de grande calidade e recoñecemento cultural que se celebra no mes de Maio.
Actualmente a Compañía está formada por Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán”- Fundador; Miguel Borines Fernández- Fundador e Andrés Giraldez Rio.